Os celestes deron a cara e caeron ante un duro rival que sufriu ata o final
O Celta deu a cara no inexpugnable Vicente Calderón, traballou arreo, combinou ben ante un rival que realizou un enorme despregamento físico e que se empregou con dureza -sen apenas castigo- para frear aos celestes. Adrián desequilibrou o choque cun golazo pleno de fortuna que non fixo xustiza e deixou unha vez máis aos celestes sen un premio merecido.
O partido arrincou cun ritmo moi alto, cun Celta metido de pleno desde o primeiro instante que dispuxo dun par de boas chegadas nos minutos iniciais. O Atlético, cómodo sen balón, mostrou as súas armas ao once minutos cun lanzamento de Koke ao pau desde a frontal tras un roubo de balón en campo celeste.
Ataque veloz que desvelou as intencións do cadro local, sempre ben armado atrás e cunha forte presión arriba para roubar e saír con velocidade. Os celestes tocaban ben e buscaban o ataque a través de combinacións desde atrás, dificultadas desde tres cuartos de campo pola presión do conxunto de Simeone.
O partido, sen ocasións, era vibrante, entretido, con velocidade e intensidade. Había alternativas e idéntica ambición. Aos 27 minutos, Diego Costa rematou lixeiramente desviado tras un centro desde a dereita. Augusto cabeceou pouco despois fose un centro de Álex López, quen fixera unha manobra xenial na liña de fondo.
Até o descanso, un par de amarelas perdoadas ao Atlético, outra mostrada a Túñez sen motivo e moita disputa, cun cadro local realizando un despregamento físico descomunal.
Tras a continuación, o Celta tivo máis protagonismo que o seu rival nos primeiros minutos, con boas combinacións e un par de centros con perigo, con Álex López espectacular. O Atlético mantivo a súa firme presión e conseguiu tamén crear inquietude nalgunhas accións, aínda que eran os celestes os que levaban o peso do partido.
Con dez minutos cumpridos, o Atlético sufría para frear aos célticos e facíao de maneira antirreglamentaria: Mirando golpeou dúas veces co brazo a Iago Aspas e viu unha amarela na segunda das accións.
O parrido mantiña unha intensidade enorme, unha esixencia física tremenda. O Atlético presionaba, corría e impedía as saídas á contra do Celta con constantes faltas.
Co paso dos minutos, o Atlético empuxón con máis forza e tivo premio. Aos 31 minutos, zapatazo de Adrián de lonxe e gran gol, inesperado. Lanzou coa zurda tras un rexeite e púxoa na escuadra.
O Celta tívoa xusto despois von unha gran xogada de Hugo Mallo, pero o seu lanzamento, xa na interior da área, saíu desviado. Falcao tiña que ver o segundo amarelo nunha entrada brutal sobre Túñez.
O Celta foise arriba con todo en busca dun empate que merecía. Tivo boas chegadas, ocasións e até vantaxe numérica nos últimos mimutos. Unha vez máis, inmerecida derrota.
FICHA TÉCNICA
1-At. Madrid: Courtois, Juanfran, Miranda, Godín (Cristian Rodríguez, min.58), Cisma (Raúl García, min.75), Gabi, Tiago, Arda Turan, Koke, Diego Costa (Adrián, min.71) e Falcao
0-R.C.Celta: Javi Varas, Hugo Mallo, Cabral, Túñez, Bellvís, Oubiña, Natxo Insa (Jonathan Vila, min.74), Augusto (De Lucas, min.84), Álex López (Bermejo, min.64), Krohn-Dehli e Iago Aspas
Goles: 1-0, min.76; Adrián
Árbitro: Pérez Montero, do comité andaluz. Expulsou con dobre amarelo a Miranda (mion.85) e amonestou a Arda Turan, Falcao, Túñez, Javi Varas e Vila
Campo: Vicente Calderón