Momento de unión para alcanzar un obxectivo común: avanzar na táboa e desprenderse do enorme peso da ansiedade. O RC Celta volve activar unha iniciativa destinada unha vez máis aos seus abonados para que poidan acudir a un encontro especialmente compricado e sempre atractivo e apaixonante, o Real Madrid-RC Celta do próximo domingo.
O club pon a disposición exclusivamente dos seus abonados autobuses gratuitos para que poidan asistir ao partido do Santiago Bernabeu. Aqueles que desexen presenciar o choque deberán adquirir, a partir deste domingo nas taquillas do estadio, unha entrada para a grada visitante do Santiago Bernabeu ao prezo de 35 euros e anotarse para a viaxe en autobús.
Poderán ademais viaxar cun acompañante coa entrada ao mesmo prezo de 35 euros. As entradas dispoñibles son un total de 565 e o prazo para anotarse para a viaxe finaliza o mércores ás 20.00 horas. Os horarios para realizar os trámites son de 10,00 a 18.30 horas este domingo, día no que se habilitará unha taquilla especial para este fin no estadio de Abanca Balaídos, e, nese mesmo lugar, de luns a mércores de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Os autobuses partirán cara a Madrid desde o estadio celeste o domingo ás 8.00 horas e regresarán ao mesmo punto unha vez finalizado o partido.
Vantaxes e iniciativas para os abonados
O RC Celta puxo en marcha nas últimas semanas numerosas iniciativas e vantaxes dirixidas aos seus abonados para fomentar a indispensable unión entre equipo e afección, desde invitacións e bufandas para nenos no partido ante Osasuna, entradas a 5 euros para os abonados para calquera grada no encontro contra o Eibar, onde ademais incentivouse o recibimento ao equipo cunha previa na Grada Siaeiros con alimentos e bebida gratuitos, ata habilitar sen custo para os abonados autobuses a Valencia con entradas a prezo reducido ou a máis recente de proporcionar dúas invitacións a cada abonado para o choque deste domingo ante o Sevilla.