O gabonés regresou da concentración coa súa selección e o novo dianteiro xa ten a alta médica
O primeiro equipo adestrou hoxe en dobre sesión en vésperas da xornada de descanso deste mércores. A novidade no grupo foi o regreso do centrocampista Levy Madinda, internacional por Gabón, e a alta médica do canteirán Santi Mina, que desde onte se exercita con total normalidade. Ademais do mozo dianteiro, Rubén Blanco e David Costas tamén adestraron baixo as ordes de Luís Enrique, tal e como vén sendo habitual esta tempada.
O plantel céltico retomará o traballo este xoves ás 18:00 na Madroa, xa coa presenza do resto de internacionais. O venres tocará de novo dobre sesión na Madroa, ás 11:00 e ás 18:00, pero nesta ocasión a porta pechada. Os adestramentos do fin de semana, ambos os programados ás 11:00, terán lugar no Estadio de Balaídos e tamén se celebrarán sen a presenza de medios nin afeccionados na bancada.
O luns 16 será a quenda da competición. Tras o parón ligueiro os celestes enfróntanse na cuarta xornada ao Athletic Club de Bilbao, un conxunto e unha afección que chegan moi motivados á cita co plus engadido de estrear o seu novo estadio, o Novo San Mamés.