O centrocampista celeste Stanislav Lobotka, concentrado coa Selección de Eslovaquia xunto ao tamén céltico Robert Mazán, recibiu o luns pola noite o galardón ao terceiro mellor futbolista eslovaco do ano 2017. O segundo posto foi para Milan Skriniar (Inter Milan) e o primeiro para Marek Hamsík (Napoli).
Lobotka (Trencin, 1994) chegou a Vigo no pasado mercado estival. O mediocampista xogouno practicamente todo desde o inicio da tempada, renovou recentemente o seu contrato co RC Celta ata 2023 e a súa excelente progresión valeulle para consolidarse como un fixo na súa selección.
Tras a gala do fútbol eslovaco, Lobotka e Mazán viaxarán co combinado nacional de Eslovaquia a Bangkok, onde disputarán o torneo amigable King’s Cup entre os días 22 e 25 de marzo e no que tamén participan Tailandia, Gabón e Emiratos Árabes Unidos.