O RC Celta presentou este venres ao seu novo defensa central, Joseph Aidoo. O fubolista ganés, que chega traspasado polo Genk belga, estivo acompañado na súa presentación polo vicepresidente Pedro Pousada e o director deportivo Felipe Miñambres. “O RC Celta é ambicioso e eu tamén, esa é a razón pola que escollín a este club”, afirmou o defensor nas súas primeiras palabras como xogador celeste.
Aidoo mostrouse moi feliz pola súa chegada á liga española, a cal considera “a mellor competición do mundo”, e asegurou ser un profesional “que se adapta rápido”. “Estou aquí para axudar ao equipo e alcanzar os obxectivos do club”, sentenciou. O internacional Ghana vestiuse de curto tras a rolda de prensa e saltou ao céspede de Abanca Balaídos, onde foi aclamado por varios centos de celtistas que lle ofreceron unha calorosa benvida.
Debido a competir até hai uns días na Copa África, Joseph Aidoo gozará de vacacións até o 21 de xullo, momento no que se incorporará aos adestramentos co primeiro equipo.