O defensa celeste Jonny sumou este mércores ante o Almería o seu encontro oficial número 100 coa camiseta do Real Club Celta. O mozo canteirán chega á centena de partidos con tan só 21 anos, proba da espectacular progresión que experimentou o vigués nas últimas tempadas.
Jonny debutou co Celta en partido oficial na terceira xornada da 2012/2013, ante o Osasuna, un choque que finalizou con vitoria 2-0 para os celestes. Desde entón consolidouse na zaga céltica, demostrando unha gran polivalencia xa que se desempeñou con soltura tanto de lateral destro, como zurdo e mesmo central. Ademais, Jonny é un habitual da Selección Española Sub-21.