O Celta encara a recta final do campionato ligueiro con máxima ilusión e motivación. Restan por disputar 14 partidos nos que o equipo vigués porá todo o seu empeño para alcanzar unha das prazas que dan acceso a competición europea.
O primeiro rival ao que se enfronta o Celta nesta fase final da liga é o Eibar, un opoñente que está a asinar unha espectacular tempada. O cadro vasco chega a Balaídos sexto na clasificación con 36 puntos, un máis que o Celta, oitavo clasificado, que regresaría a postos europeos cun triunfo ante os de Ipurúa.
O partido será de máxima esixencia. Ao gran estado de forma do Eibar súmase unha estatística reveladora. De catro enfrontamentos entre ambos conxuntos en Primeira División o Celta cultivou unha derrota en casa (0-1), unha vitoria en campo rival (0-1) e, na primeira volta da actual tempada, un empate (1-1) no estadio do club armeiro.
O RC Celta fai un chamamento a todos os abonados e afeccionados para acudir a Balaídos con antelación para recibir ao equipo cun masivo ‘bufandeo’ e co xa tradicional canto a capella do himno céltico. Ademais, o club recompilou a través das súas redes sociais imaxes dos afeccionados celtistas animando ao equipo coas que elaborará un vídeo que se reproducirá nos videomarcadores do estadio.
As entradas para este emocionante choque, que manteñen os prezos habituais, poden adquirirse nos despachos de billetes de Balaídos este venres de 10 a 14 e de 17 a 20 horas ou o sábado de 10 até o inicio do partido.
Evitar cánticos que poidan ser obxecto de sanción
O Real Club Celta reitera de novo o seu chamamento á afección para que durante os partidos en Balaídos evite entoar cánticos que inciten á violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia, xa que isto supón, como xa ocorreu en diversas ocasións, a última no anterior partido en Balaídos, unha forte sanción económica para o club, co prexuízo que iso leva para a entidade, así como para os afeccionados que realicen os mencionados cánticos.