O canteirán regresa ao estadio vigués nun emocionante acto ao que poderá asistir a afección (19:30h)
O estadio de Balaídos acolle este venres a presentación da primeira fichaxe céltica de cara á nova tempada, Iago Aspas, un acto que estará cargado de ilusión e emoción por tratarse do regreso a casa dun dos canteiráns máis queridos pola afección, un futbolista que no pasado deixou recordos indelebles na memoria colectiva do celtismo.
A porta 18 do estadio abrirase ás 19:30h para que os afeccionados accedan á bancada de Río Baixo desde onde, a partir das 20:00h, poderán presenciar a chegada do xogador, a súa rolda de prensa e a tradicional sesión de fotos vestindo a nova primeira equipamento Adidas. Aspas pechará o evento co lanzamento á bancada de varios balóns asinados. As cámaras de CeltaTV retransmitirán en directo o evento a través das pantallas de videomarcadores e a comparecencia do xogador ante os medios escoitarase pola megafonía do estadio para que a experiencia dos celtistas que asistan á presentación sexa total.
Campaña de Abonados 2015/2016: sorteo especial entre os abonados máis novos
Con motivo do regreso de Iago Aspas e da nova Campaña de Abonados, o RC Celta sortea entre os máis novos 10 prazas para vivir a presentación no céspede xunto ao dianteiro moañés. Os afortunados serán elixidos de entre todos os abonados de ata 15 anos que renoven ou dean de alta o seu carné 2015/2016 antes do mércores 17 de xuño ás 20:00h, unha maneira de recoñecer a importancia dos celtistas máis noveis, en quen reside o futuro do celtismo.
A Campaña de Abonados entra na última quincena con vantaxes especiais. Os afeccionados que tramiten o seu carné ata o 30 de xuño beneficiaranse dun desconto no caso de renovacións e da exención de suplementos nos partidos designados como “Días do Club” tanto en renovacións como en altas. Os despachos de billetes do estadio permanencen operativas de luns a venres en horario ininterrompido de 9.00 a 20.00, mentres que a plataforma online permite tramitar o carné en calquera momento da semana: www.celtavigo.org/taquillaCelta