O canteirán presentouse en Balaídos ante 2.000 ferventes celtistas que acudiron a darlle a benvida
Iago Aspas xa está en casa. O canteirán celeste foi presentado esta tarde en Balaídos ante 2.000 celtistas ilusionados polo regreso do canteirán. Pedro Pousada, vicepresidente do club, e Miguel Torrecilla, director deportivo, foron os encargados de dar a benvida ao futbolista en nome do club.
“É para min unha honra dar a benvida a Iago”, asegurou Pousada ao comezo da súa intervención. “Está de novo connosco e espero que nos dea agora o mesmo que nos deu antes, orgullo”, sentenciou o vicepresidente. Pola súa banda, Torrecilla remarcou a presentación do de Moaña como “a mellor forma de comezar as celebracións dos 50 anos do Celta en Primeira División”.
“É un privilexio volver estar convosco”, declarou Aspas ante unha afección entregada e ilusionada. “Madurei os dous últimos anos, vin outras facetas do fútbol e tanto o club como eu pensamos que agora era o momento para regresar. Agradezo o esforzo que fixo a entidade para recuperarme”, declarou o de Moaña que se mostrou feliz polo seu retorno: “Para min o máis importante é xogar ao fútbol e que mellor que facelo na miña casa”.
O acto de presentación levou a cabo enteiramente sobre o terreo de xogo do estadio. Os asistentes puideron presenciar a rolda de prensa do xogador e a tradicional sesión fotográfica, na que Aspas luciu o novo equipamento Adidas para a tempada 2015/2016. O evento redondeouse con dez novos abonados Sub-15 que acompañaron ao futbolista, un premio por contar xa co seu carné en vigor para a nova tempada.
O presidente céltico, Carlos Mouriño, e os demais membros do consello de administración tamén estiveron presentes na que sen dúbida foi unha das presentacións de xogadores máis ilusionantes dos últimos tempos no Real Club Celta.