Eduardo Germán Coudet convértese no novo adestrador do RC Celta ata xuño de 2022 tralo acordo alcanzado entre o club e o preparador arxentino, que ata agora dirixía ao Internacional de Porto Alegre, co que marchaba líder na Serie A brasileira e estaba clasificado para 1/8 da Copa Libertadores. Coudet (Bos Aires, 1974) chegará a Vigo nos próximos días e farao acompañado de catro axudantes.
O novo técnico celeste é un dos preparadores suramericanos máis recoñecidos do último lustro, onde adestrou con notable éxito a Rosario Central, Tijuana, Racing de Avellaneda e Internacional de Porto Alegre. No seu palmarés como técnico destacan unha Superliga Arxentina e un Trofeo de Campións con Racing en menos dun ano, algo que non ocorría no histórico club arxentino en máis de medio século, ademais de dous subcampeonatos de Copa.
O seu magnífico facer nos bancos arxentinos servíronlle para ser distinguido como ‘Mellor adestrador da Superliga Arxentina’. Baixo a súa dirección despuntaron xogadores da talla de Lo Celso ou Lautaro Martínez.
O ‘Chacho’, como se coñece ao adestrador arxentino, xa coñece de primeira man o RC Celta, onde militou como xogador en 2002.
Eduardo Coudet será presentado nos próximos días como novo técnico do conxunto celeste.