Eduardo Berizzo, e o seu corpo técnico, non continuarán no Real Club celta a próxima tempada. Conclúe unha etapa de tres anos marabillosos, de continuo crecemento no aspecto deportivo, social e institucional, tres tempadas magníficas nas que se perseguiu sen desmaio un soño que non só avivou a ilusión e a esperanza, senón que as ancorou na alma do celtismo.
Tres anos da man dun adestrador que fixo historia, que estará para sempre na memoria do club e da súa afección. Eduardo Berizzo deixara unha notable pegada como xogador e deixa agora outra, máis profunda, como adestrador, un dos mellores, sen dúbida, da historia do Real Club Celta.
O club só pode mostrar gratitude pola súa entrega, a súa implicación e a paixón que envorcou no seu traballo durante esta etapa, das máis brillantes, por xogo, proposta e logros, que houbo xamais.
Agradecemento a un adestrador que creu nun proxecto, moldeouno e canalizouno cun selo persoal que encaixou á perfección no sentir do celtismo. Moitas grazas Toto.