Os celestes adestrarán en dobre sesión de luns a domingo, na Madroa e a porta aberta
Comeza unha nova pretempada no Real Club Celta. O primeiro equipo regresou esta mañá aos adestramentos na Madroa con algunhas caras novas e unha nutrida presenza de canteiráns. Os célticos realizarán todos os días, de luns a domingo, dobre sesión nas instalacións deportivas do club ata que comece a xira de partidos por Alemaña e Austria.
A sesión matinal arrincará todos os días ás 10:00h e a vespertina ás 18:30h. Entre un adestramento e outro o persoal concentrarase no Hotel Eurostars Mar de Vigo, onde comerán xuntos e descansarán, mentres que ao termo da sesión de tarde poderán regresar aos seus domicilios particulares.
Hoxe incorporáronse ao traballo 18 xogadores do primeiro equipo (Sergio, Rubén, Hugo Mallo, Jonny, Fontàs, Sergi Gómez, David Costas, Cabral, Planas, Radoja, Álex López, Pablo Hernández, Augusto, Orellana, Bongonda, Wass, Iago Aspas e Larrivey) e 5 do Celta B (Borja Fernández, Jordan, Señé, Luís Rioja e Borja Iglesias). Os xuvenís Iván Villar, Diego Alende, Brais Méndez e Yelko Pino integraranse na disciplina do primeiro equipo máis tarde, o 10 de xullo, e Nolito e Madinda farano o 14 ao ter compromisos futbolísticos tras finalizar a liga. O porteiro do filial Néstor adestrará co seu equipo ata esa mesma data, o 14 de xullo, día no que se integrará na disciplina do primeiro plantel, mentres que o xuvenil Pape Cheikh farao tras concluír a súa participación coa Selección Española no Campionato Europeo Sub-19 de Grecia.
A partir deste martes os xogadores comezarán a realizar as habituais probas médicas no Hospital Vithas Fátima. A primeira quenda estará formado por Sergio, Hugo Mallo, Fontàs, Pablo Hernández, Radoja, Álex López e Larrivey; o mércores acudirán ao hospital Rubén, Orellana, David Costas, Bongonda, Jonny, Planas, Sergi Gómez e Cabral; e o xoves someteranse aos controis médicos Augusto, Borja Fernández, Iago Aspas, Wass, Luís Rioxa, Señé, Borja Iglesias e Jordan.
O primeiro adestramento da pretemporada contou tamén con novidades no corpo técnico. O ex gardameta da selección arxentina Roberto Bonano será esta tempada axudante de campo de Eduardo Berizzo, co que xa coincidiu fai tres tempadas no O’Higgins chileno.