Xisela Aranda, conselleira do RC Celta, foi unha das protagonistas na primeira edición da PRO Women in Sports que se celebrou o pasado luns en Barcelona.
Na súa intervención, Xisela resaltou “a necesidade de contar con máis oportunidades en órganos de xestión e dirección” no ámbito deportivo, ademais de avanzar unha noticia que pronto se fará realidade: o RC Celta contará cunha área de fútbol feminino. A conselleira do club explicou que se está traballando en todos os detalles, incluíndo o nome que terá o equipo ou como se comunicará coa afección. En definitiva, unha aposta polo fútbol feminino “non porque temos que facelo, senón porque queremos facelo”, resaltou.
PRO Women in Sports, organizado por 2Playbook e CA Sports Marketing, trátase dun evento dirixido a profesionais da industria do deporte, desde clubs, competicións, patrocinadores, socios audiovisuais e deportistas, pasando por investidores, para poñer en valor o impacto social e económico do deporte feminino. Esta cita, que na súa primeira edición reuniu a un centenar de asistentes, abordou o potencial do deporte practicado por mulleres en termos de negocio e as claves do investimento en clubs, competicións e contido para consolidalo como un produto de entretemento.