O domingo foi unha emocionante e espectacular xornada de fútbol e festa para o Real Club Celta e a súa afección. Desde primeira hora da mañá, e a pesar do mal tempo, Balaídos encheuse de cor celeste. Os máis pequenos gozaron de activididades e xogos na contorna do estadio e a inauguración da nova tenda oficial, situada nas dependencias do Museo na bancada de Gol, foi unha das grandes sensacións do día. Os afeccionados abarrotaron o establecemento celeste, un espazo moderno e cheo de chiscadelas á historia do club no que o produto estrela foi o casco co que xogadores como Guidetti e Bongonda celebraron hai unhas semanas a clasificación matemática a Europa.
Os sentimentos puxéronse a flor de pel coa saída dos equipos ao terreo de xogo. Os afeccionados de Marcador despregaron un gran tifo coa bandeira galega e o escudo do Celta mentres o resto de afeccionados lanzaban unha ‘choiva de confeti’. A sorpresa estivo na bancada de Río Baixo, onde apareceu un tifo dedicado ao presidente Carlos Mouriño – Grazas presidente! – unha iniciativa das peñas celestes que emocionou ao dirixente do club vigués.
Para non estragar o guión dun día tan especial, o equipo logrou a vitoria. Un gol xurdido da maxia de Orellana, Iago Aspas e Nolito deu o tres puntos ao Celta, que asegura a sexta praza e recupera a quinta a falta dunha xornada para o final do campionato. Co asubío final a alegría estalou na bancada e sobre o céspede. Unha espectacular exhibición de paracaidismo e a volta do equipo ao terreo de xogo pecharon os festexos en Balaídos antes de dirixirse a Praza América, tradicional punto de encontro do celtismo.
Xogadores, técnicos e membros do club chegaron ás Travesas nun autobús convertible. Alí esperaban centos de celtistas dispostos a celebrar un regreso histórico a Europa ao grande. Os xogadores e Berizzo fixéronse co protagonismo no escenario de Praza América, onde as actuacións musicais continuaron até entrada a noite.
O Celta proponse agora pechar unha espectacular campaña sumando un novo triunfo no Vicente Calderón, o sábado ás 19:30, que lle permita finalizar na quinta posición de Primeira División e así clasificarse directamente á fase de grupos da Europa League, evitando as roldas previas.