Os abonados que tramitaron o seu carné fora de promoción deben retirar un suplemento para asistir
O partido do próximo domingo 5 de abril (21:00 horas) ante o Barcelona xerou unha gran expectación e o estadio de Balaídos está xa a piques de colgar o cartel de ‘non hai billetes’. As entradas para as gradas de Tribuna e Marcador xa se esgotaron e só quedan dispoñibles uns 300 billetes para a grada de Gol.
Tanto este encontro como o Celta-Real Madrid, que se disputará o domingo 26 de abril ás 21.00 horas, foron declarados ‘Días do Club’, polo que os abonados de tempada que tramitaron o seu carné despois do 17 de xullo e os anuais que o fixeron pasado o 6 de xaneiro deberán retirar un suplemento para acceder ao estadio.
O prezo dos suplementos mantense respecto de anteriores campañas: 20€ para ADULTOS e 10€ para o resto de categorías, coa excepción dos menores de 8 anos que tan só deberán abonar 5€ para retirar o seu suplemento.
As entradas e suplementos para ambos os encontros poden adquirirse na oficina de abonados de Balaídos de luns a mércores en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas ou en calquera momento a través da plataforma online www.celtavigo.org/taquillaCelta