Os equipos xuvenís, cadetes e infantís da ESCOLA DE FÚTBOL CELTA BRASOV desprazáronse a primeira semana de febreiro a Balchik ( Bulgaria), para realizar un stage de pretemporada durante 10 días. Ata alí viaxaron un total de 70 xogadores acompañados por 5 membros de corpo técnico (adestradores, preparador físico e adestrador de porteiros). Tamén fixo acto de presenza durante un par de días o presidente do club Ciprian Jurubescu que quixo estar preto dos xogadores e técnicos en tan importante evento.
Ademais de buscar unhas mellores condicións climatolóxicas para as nosas sesións de adestramento, debido a que Brasov nesas datas esta cuberto de neve e cunhas temperaturas baixo cero, tamén se trata de dar un paso mais adiante como club en crecemento e poder organizar de maneira profesional unha pretemporada con dedicación completa aos nosos xogadores.
As nosas xornadas de traballo comprendían dobres sesións de adestramento, cunha sesión matinal de preparación física específica (que realizabamos na praia a beiras do mar Negro) e unha sesión de tarde técnico-táctica nun moderno complexo deportivo onde dispoñiamos de dous campos de céspede natural. Como complemento, no hotel desenvolviamos actividades de grupo que nos permiten completar a formación dos nosos xogadores: charlas sobre alimentación, charlas sobre valores, charlas técnico-tácticas, debates,… e visionado de partidos e adestramentos propios.
Os adestramentos fóronse alternando con diversos partidos amigables onde nos enfrontamos a algunhas das mellores canteiras do futbol búlgaro como Ludogorest, Cherno More ou Dunav Ruse, todos eles equipos da primeira división de Bulgaria. En todos estes partidos os nosos equipos mostraron un gran nivel competitivo a pesar das duras e tentas sesións de adestramento que desenvolvemos durante toda a semana.
E como tampouco todo vai ser fútbol aproveitamos os momentos de descanso para coñecer a cidade e os seus arredores, unha zona moi turística nos meses mais calorosos do ano.
A experiencia resultou moi gratificante para xogadores, técnicos e club, tanto a nivel deportivo como persoal, o cal nos anima a seguir organizándoo en próximas tempadas.