O RC Celta presentou este venres na tenda de A Sede o seu segundo equipamento para a tempada 2019/2020, caracterizada polo deseño e a calidade de Adidas, con protagonismo para a afección, determinante na permanencia do equipo en Primeira División.
Vinte afeccionados celestes participaron nun divertido concurso que consistía en bicar o escudo do club durante 90 minutos. Os gañadores foron os encargados de descubrir a segunda camiseta para a próxima campaña e, ademais, levaron un modelo para a súa casa. Ademais, todos os participantes obtiveron como obsequio unha camiseta conmemorativa.
O segundo equipamento combina dúas clases de material, -Interlock-hydrophilic e unha inserción frontal nun tecido de malla para achegar distinción ao equipamento nunha cor viño, pero con detalles celestes. Presenta un pescozo redondo moi elegante para achegar un toque máis casual e adaptarse á tendencia na rúa.
Do mesmo xeito que o primeiro equipamento, tamén conta coa tecnoloxía Climalite que evita que a suor moleste ao xogador no terreo de xogo.
A camiseta está xa á venda, a o prezo de 79,95€ na versión adulto e 69,95€ na júnior, na tenda online e nas tendas oficiais do club en Abanca Balaídos e A Sede, mentres que mañá, sábado, poderase adquirir tamén no Corte Inglés a partir das 10:00 horas.