O Salón Rexio de A Sede abre as súas portas mañá ás 16:30 para que os afeccionados celestes poidan ver en pantalla xigante todos os partidos do RC Celta até final de tempada, onde o equipo de Óscar García buscará conseguir os máximos puntos posibles para escalar postos na clasificación. O obxectivo é que a afección poida vivir unida os encontros e mandar así ánimos e enerxía aos xogadores. ‘Cando hai paixón… non hai distancia que nos separe’
O espazo de A Sede abrirá cumprindo escrupulosamente todas as medidas de seguridade decretadas polas autoridades sanitarias. Haberá limitación de capacidade para que se poda cumprir a distancia interpersoal entre os asistentes, que deberán acceder ao interior e moverse polas zonas comúns do inmoble con mascarilla e terán que utilizar o xel desinfectante instalado no acceso ás instalacións.
A entrada abrirase desde media hora antes do inicio de cada partido e será libre até completar a capacidade prevista. Todos os asistentes gozarán de servizo de barra durante todo os encontros e ademais participarán en diferentes sorteos de produtos oficiais do RC Celta. Ademais, o espazo de El Trigal tamén estará aberto para presenciar o encontro.