O Real Club Celta e Mos sementaron hoxe un gran futuro, coa presentación da cidade deportiva, nun multitudinario e emotivo acto desenvolvido no abarrotado auditorio As Pozas, ao que asistiron, entre outros, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán e directivos e directores celestes, ademais dos capitáns celestes. Hugo Mallo, Iago Aspas e os moscenses Rubén e Brais.
“A cidade deportiva do Celta é a alma deste club, é onde se moldea o presente e se incuba o futuro. É o lugar onde se fabrican os soños do noso Celta. Pídovos que o fagamos xuntos, que compartamos este soño, impulsémolo e gocémolo. Sementemos, unidos, de xeito conxunto, ao Celta nesta terra para que creza forte e sintámonos, todos, orgullosos”, destacou o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu ao club a súa aposta por este municipio, ao que lle augurou un gran futuro co proxecto da cidade deportiva celeste.
O acto, intenso e emotivo, concluíu coa entrega de balóns e firma de autógrafos dos futbolistas celestes aos numerosos nenos presentes.
Intervención do presidente do RC Celta, Carlos Mouriño
Moitas grazas por asistir a este acto, que é moi significativo e importante, moi especial para nós.
Non veño falar dun proxecto, senón dun abrazo. Non quero presentar unhas infraestruturas, senón falarvos de unión e afinidade. Non estou aquí para describir, senón para compartir e sentir. O que comparto convosco é, en toda a súa extensión, o Real Club Celta de Vigo, E o que sinto no meu corazón é que estamos en casa, sinto celtismo e entusiasmo, ilusión e apoio.
Poida que haxa unha liña xeográfica entre nós, trazada nalgún mapa. Pero non é real. Mos xa está no Celta, na bancada, con multitude de afeccionados, e no céspede, con xogadores novos, con grandes valores como Rubén e Brais, e o Celta está en Mos porque aquí se vive coa mesma intensidade que en Balaídos a felicidade da vitoria ou a amargura da derrota.
Sempre que vimos a Mos ímonos colmados de agarimo. Esta vez traémosvos unha parte de nós, a esencial. Imos sementar Celta na vosa terra. E crecerá, non teño ningunha dúbida, sólido e forte ao voso amparo, co voso coidado, co voso mimo. Crecerá, elevándose firme cara ao futuro, nunha terra fértil e hospitalaria como ningunha. O que aquí sementamos coas vosas mans e as nosas gozarémolo xuntos porque os froitos serán para todos.
Encomendámosvos ao noso ben máis prezado, a canteira. Asentaremos as nosas categorías inferiores en campos acordes ao talento dos nosos novos valores, cunhas instalacións modélicas nas que poderán aprender e mellorar, como futbolistas e como persoas.
Confiámosvos ao noso primeiro equipo, ese grupo de xogadores que lle ensinou ao mundo o significado de afouteza, que nos fai gozar unhas veces e sufrir outras, pero sempre nos enche de orgullo. Terán campos de adestramento adecuados e unhas infraestruturas que lles permitirán prepararse cada día con comodidade, nas mellores condicións posibles.
Para iso temos preparada unha actuación de prazos curtos, para que se poden ver máquinas e equipos traballando neste municipio e ter dispoñibles a principios de 2019 as instalacións deportivas do noso fútbol profesional. Rapidez e seguridade, tal e como merece un proxecto desta importancia e dimensión.
Compartimos convosco o noso proxecto máis ansiado. O que máis nos ilusiona e chea de esperanza. Será un proxecto común, que nos unirá para sempre, que instalará ao Celta no corazón de Mos, como Mos xa está instalado no noso. Esta gran alianza tamén favorecerá aos moscenses porque a zona comercial xerará numerosos postos de traballo e unha parte deles reservarase, en igualdade de condicións, aos habitantes de Mos e aos comuneiros da zona. Ademais, durante a execución da obra estudaremos poder aplicar algún tipo de beneficio para o conxunto da cidadanía.
A cidade deportiva do Celta é a alma deste club, onde crecen e fórmanse os nosos xogadores da canteira e onde afinan e preparan os do primeiro equipo. É onde se moldea o presente e se incuba o futuro. É o lugar onde se fabrican os soños do noso Celta.
Pídovos que o fagamos xuntos, que compartamos este soño, impulsémolo e gocémolo. Sementemos, unidos, de xeito conxunto, ao Celta nesta terra para que creza forte e sintámonos, todos, orgullosos.
Grazas por abrirnos os vosos corazóns, grazas por acollernos. Estamos en casa.
Ala Celta!!!