O Día da Nai pechou unha semana inesquecible para o RC Celta e a súa afección. O primeiro equipo e o filial sumaron senllas vitorias en Abanca Balaídos para facer historia. Uns garantiron a súa décima tempada consecutiva en Primeira, outros a súa participación no play off de ascenso a Segunda.
Non son logros menores, nin fáciles, nin habituais. Son conquistas que esconden un gran traballo, esforzo, fe e convicción, que chegan da man dun celtismo envorcado na distancia cuns e na grada con outros, que empuxou de todos os xeitos posibles ao seu alcance.
O RC Celta goza da súa segunda racha máis longa na máxima categoría na súa historia moderna e o filial xogará o primeiro play off de ascenso a Segunda -só dúas eliminatorias a partido único-trala remodelación da categoría.
Son logros, ademais, co selo da canteira celeste. O RC Celta derrotou a Osasuna e Levante con sete xogadores formados nas categorías inferiores no once; o filial doblegou á Cultural Leonesa con sete canteriáns sobre o céspede. Historia.