O Real Club Celta quere unha vez máis expresar o seu sincero agradecemento á afección celeste polo seu decidido e unánime apoio no partido de onte ante o Fútbol Club Barcelona. O celtismo volveu transmitir a súa fe ao equipo desde moito antes do encontro e alentou sen desmaio desde o primeiro e até o último minuto de xogo para conducir ao Celta a unha valiosa vitoria ante un gran rival.
Este apoio, unánime e exemplar nos últimos anos, permitiu que os celestes superasen momentos de gran dificultade, momentos que sen dúbida se repetirán no futuro e nos que o equipo necesitará de novo o sólido respaldo do celtismo, sempre comprometido, cariñoso e entusiasta cos celestes en situacións de debilidade, sempre respectuoso, realista e comedido nas de éxito.
O equipo está a ofrecer un espléndido arranque de tempada no que o empuxe da afección está a ser tan constante como decisivo. O valor da unión entre equipo e celtismo é incalculable, como quedou demostrado en numerosas ocasións nas últimas campañas.
Nesta, aínda recentemente comezada, agardan partidos extremadamente complicados, momentos de gran dificultade, decepcións e amarguras. Que o equipo poida superalos, manterse firme, recuperar a confianza, dependerá en gran media dos ánimos e o alento que reciba dunha afección que nos últimos anos xerou, e sen dúbida xerará seguirá xerando, un sentimento claro no club e no equipo: orgullo.
Unha vez máis: grazas afección.
#CrecemosXuntos