Con esta denominación, o proxecto Grada Conecta convértese en realidade
O ambicioso proxecto do Real Club Celta, pioneiro no fútbol español, que chega da man da empresa IoTpartners, dará a partir deste sábado, con motivo do partido ante o Atlético de Madrid, os seus primeiros pasos, cargados de gratas novidades para o celtismo de todo o mundo, que poderá “sentir” Balaídos dunha maneira moi especial.
Neste encontro inaugúrase “Balaídos Universal”, que ofrece a posibilidade aos afeccionados celestes de todo o mundo de sentirse máis conectados ao equipo e ao celtismo con diversas experiencias únicas. Estes seguidores poderán gozar nos seus smartphones, a través dunha app gratuíta ou dunha ligazón, de imaxes exclusivas da previa do partido, como visita ao vestiario, chegada dos xogadores, o quecemento, o himno “a cappella” no campo e o son ambiente en diferentes momentos do encontro. Poderán ver ademais o videomarcador do estadio en directo, co son real da megafonía, as celebracións dos goles e imaxes inéditas durante e despois do partido.
Para acceder a estas experiencias únicas do lanzamento, os celtistas poderán descargar gratuitamente nos seus smartphones a primeira app que dá acceso a “Balaídos Universal”: “Porta 1923”, que estará dispoñible tanto para IOS como para Android nas habituais plataformas de descarga e activarase o sábado ás 18:00 horas.
O seguinte obxectivo deste ambicioso proxecto é que o equipo senta o alento dos afeccionados máis preto desde calquera lugar e para iso crearase o mapamundi do celtismo, que permitirá coñecer de maneira moi orixinal desde onde os seguidores célticos apoian ao equipo. O rexistro no mapamundi, que poderá realizarse a partir do Sábado 8 de Marzo ás 12 horas, será o paso previo para que os celtistas poidan estar máis preto do seu equipo, accedendo ademais en próximos partidos a diferente premios, como a oportunidade de “entrar” virtualmente no estadio a través da publicación no videomarcador das súas fotos e vídeos persoais para animar “in situ” ao equipo ou a posibilidade de compartir as celebracións dos goles cos seus xogadores favoritos. Estas experiencias serán un recoñecemento especial a todos os galegos do mundo e aos celtistas en particular, que fan esforzos por seguir ao club desde a distancia, e estarán dispoñibles ao longo das próximas semanas
O 8 de Marzo realizarase o lanzamento cunha innovadora iniciativa que se poderá seguir desde a app “Porta 1923”: o primeiro himno coordinado en todo o mundo: o himno “a cappella” de Balaídos soará por primeira vez nos smartphones de todos os celtistas do mundo, para que poidan unirse cantándoo alí onde estean, vendo ou non o partido.
Isto é só o comezo, xa que ao longo dos próximos partidos incorporaranse progresivamente experiencias e novas apps, que se poderán gozar nos partidos de Balaídos. Ademais, este catálogo inicial será ampliado en colaboración con todos os celtistas que poderán participar no seu co-creación, converténdose así nos protagonistas principais de `Balaídos Universal´. Durante esta tempada incluiranse tamén no proxecto algunhas experiencias para os partidos fóra de casa.
A través das redes sociais do club estará dispoñible toda a información relativa ao lanzamento e desenvolvemento de Balaídos Universal.