Asinada a adxudicación da obra a Copasa. Carlos Mouriño recordou que o club pide, pero tamén dá
Trala firma do contrato de adxudicación da reforma de Preferencia á empresa Copasa e a entrega ao alcalde da documentación, o presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, afirmou que “estamos noutro día importantísimo para os celtistas, para os amantes do deporte e a cidadanía. O Celta pide, pero tamén dá, e iso é o que estamos facendo hoxe”. Abel Caballero destacou que “isto é a certificación dunha transformación histórica” e quixo realizar un recoñecemento ao presidente Mouriño “en nome da cidade porque é unha persoa clave na transformación de Vigo”. Alfredo Blanco, director financeiro de Copasa, indicou que “cumprimos 30 anos e este é o mellor agasallo posible para unha compañía galega”.
“Satisfaccións cumpridas, soños realizados, creo que é un momento importantísimo, un máis, para todos nós, para os celtistas, para os amantes do deporte e para a ciudanía en xeral, que está sempre detrás do Celta”, comentou Carlos Mouriño, quen apuntou que “é o inicio xa da parte que nos comprometemos a realizar. Isto significa que o Celta, como dixen antes de poder concretar este soño, pide pero tamén dá, solicita, pero colabora e isto é o que estamos facendo no día de hoxe”.
“A primeira das partes que nos corresponde fixémola co proxecto e esta é a segunda parte, coa obra que iniciamos. Temos que expresarlle o noso agradecemento aos que colaboraron, todos os que están aquí e outros moitos, polo seu apoio e a Copasa por haberse presentado a este concurso”, engadiu o presidente do Celta.
O alcalde Abel Caballero afirmou que “esta é a certificación dunha transformación histórica. Son ducias e ducias de anos de espera por esta transformación do estadio, é a realidade dun gran proxecto de cidade porque o Celta é unha parte crave da historia, do presente e o fututo, da cidade de Vigo”.
“A cidade percibe isto desde a satisfacción absoluta, o que facemos hoxe é irreversiblemente continuar con este proxecto de transformación histórica”, asegurou Abel Caballero, quen recordou que “houberon de pasar tantos anos de espera e ilusión, de soños, para que se fosen concretando e quero facer un recoñecemento á empresa Copasa, ao Celta e á súa directiva e singularmente a Carlos Mouriño porque se constituíu nunha peza crave e central na transformación desta cidade”.
Insistiu en que “quero facer o meu recoñecemento como alcalde a Mouriño porque un día emerxeu na cidade e no Celta, un recoñecemento en nome da cidade da importancia do que está facendo. Creo, Carlos, que neste camiño que nos queda conxunto, a presenza do Celta e a túa como presidente teñen un valor incalculable”, aseveró.
Pola súa banda, Alfredo Blanco, director financeiro de Copasa agradeceu ao presidente e ao alcalde o haberlle brindado á empresa “a posibilidade de poder participar nun proxecto como este, ilusionante par o Celta, para toda a afección e para a cidade”.
“Intentaremos cumprir as expectativas depositadas e ser o suficientemente efectivos na obra e nese compromiso de apostar polo Celta do que nos sentimos moi orgullosos”, remarcou Alfredo Blanco, quen comentou que “hoxe celebramos o noso 30 aniversario e mellor agasallo imposible para unha compañía galega como nós”.
Precisou que as obras comezarán a próxima semana e a data prevista para a súa finalización é o 20 de maio cun custo de 629.000 euros máis IVA.