O vindeiro domingo o Real Club Celta compartirá coa súa afección unha xornada especial para celebrar o peche en Balaídos dunha tempada histórica que supuxo o regreso do equipo a competicións europeas dez anos despois. O celtismo gozará de actividades e eventos desde a mañá até a noite cun gran peche de festa no tradicional punto de reunión para as celebracións celestes, a Praza de América.
As actividades comezasen ás 12.00 horas coa inauguración da nova tenda oficial en Balaídos, situada nas dependencias ocupadas até agora polo Museo. Para festexar esta apertura nunhas instalacións máis amplas e funcionais haberá diversas promocións especiais. O acceso será pola porta do Museo, á dereita dos despachos de billetes do estadio, e a causa do traslado, a actual tenda, situada nunha caseta fronte á porta cero, permanecerá pechada venres e sábado.
Na caseta liberada polo traslado, a firma XQuatro habilitará pinta caras e unha área de photocall, mentres que nos arredores do estadio, tras a bancada de Gol, instalará diversos inchables para os máis pequenos, que poderán gozar desta proposta até as 14.30 horas.
As actividades retomaranse ao termo do importante partido ante o Málaga, na que os celestes se xogan as súas opcións de optar á quinta praza e de asegurar a sexta. Tras a conclusión do encontro, no propio estadio de Balaídos haberá unha rechamante actividade, cuxo contido se coñecerá nas próximas horas, coa participación dos xogadores do primeiro equipo para posteriormente trasladar a festa á Praza de América. É por iso vital que os afeccionados permanezan nos seus asentos unha vez terminado o partido e ata que conclúan os actos previstos en Balaídos.
Na Praza de América instalarase un escenario no que actuarán diversas formacións musicais moi reconocibles para os afeccionados celestes e ao que accederán os integrantes do equipo, que chegarán á zona nun autobús descapotado desde Balaídos, para festexar a clasificación europea coa afección.
O RC Celta anima a todos os afeccionados a sumarse ás actividades e eventos dunha xornada que suporá a despedida en Balaídos dunha tempada extraordinaria na que o celtismo xogou un papel determinante polo seu incondicional e exemplar apoio ao equipo.