Hugo Álvarez gaña o primeiro Premio Estrella Galicia da súa carreira. O canteirán foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do conxunto vigués do mes de marzo. Sen dúbida, un mes moi especial para Hugo Álvarez, que debutaba como titular do primeiro equipo en LALIGA EA SPORTS o pasado 17 de marzo no partido ante o Sevilla FC no Sánchez Pizjuán.
Hugo Álvarez, que se impuxo na fase final da votación a Iago Aspas e Jorgen Strand Larsen, expresou a súa gratitude a Estrella Galicia e á afección celeste polo premio e subliñou que “todo canteirán soña con chegar a ter este recoñecemento“.
Tras engadir que este premio chegoulle “grazas á afección e aos compañeiros, sen eles isto sería inviable”, Hugo analizou o partido do próximo venres ante o Real Betis, “sabemos que será un rival complicado, pero loitaremos por levarnos os tres puntos“.
Tras a súa crecente participación co primeiro equipo, afirma estar encantado co trato xa que “somos unha familia“ mentres conclúe que “seguirei traballando ao máximo“.
Moitos parabéns, Hugo!