O club quere expresar o seu profundo pesar e trasmitir o seu apoio e agarimo a familiares e amigos
A familia celeste está de loito polo falecemento nas últimas horas do abonado número 1 do club, Basilio Ferreiro Boullosa, celtista entusiasta e persoa admirable. O Real Club Celta quere expresar o seu máis profundo pesar pola perda dun dos máis destacados membros da súa familia, cuxo exemplo de fidelidade, apoio e cordura perdurará para sempre no recordo do celtismo.
Basilio, quen sempre que podía acudía a Balaídos e mesmo algúns adestramentos, era abonado do club desde o 1 de xullo de 1939, aínda que xa moito antes asistira á inauguración do Estadio de Balaídos e presenciado encontros do seu Celta. Viviu con paixón os 91 anos da historia do club, unha historia da que xa forma parte.
O Real Club Celta quere transmitirlle o seu máis sentido pésame e unha afectuosa mensaxe de apoio e agarimo a familiares e amigos de Basilio e a toda a familia celeste.
Os restos mortais de Basilio Ferreiro descansarán esta tarde no Tanatorio de Pereiró, onde mañá ás 18.00 horas oficiarase unha misa na súa honra.