Celta-Málaga
As billeteiras de Balaídos comezaron a despachar as entradas para o próximo partido de LaLiga, o Celta-Málaga da xornada 17 que se disputa o domingo 8 de Xaneiro ás 18:30 no estadio vigués. Os prezos para este choque oscilan entre os 20 e os 30 euros en categoría SUB-25 e entre 25 e 40 euros en categoría ADULTO.
Os abonados do RC Celta poderán beneficiarse dunha promoción especial que o club puxo en marcha en anteriores ocasións. Cada abonado poderá retirar nos despachos de billetes do estadio dúas invitacións Sub-15 para a súa mesma bancada, unha promoción exclusiva e que estará dispoñible até completar a capacidade.
Celta-Real Madrid
Ademais, as entradas para o Celta-Real Madrid, un dos partidos máis atractivos da tempada, tamén están dispoñibles aínda que o día e a hora definitivos do choque están pendentes de confirmación. Este emocionante partido encádrase na xornada 21 da competición ligueira, que se disputará o fin de semana do 4 e 5 de Febreiro. Para este encontro o club estableceu uns prezos de entre 50 e 70 euros para SUB-25 e de entre 70 e 110 euros para ADULTO.
Ao tratarse dun partido desginado como “Día de Club” os abonados de tempada que tramitaron o seu carné despois do 8 de Xullo e os anuais que o fagan pasado o 31 de Decembro, deberán retirar un suplemento nos despachos de billetes de Balaídos, abertas de luns a venres en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas. As entradas tamén están dispoñibles na web www.celtavigo.org/taquillaCelta.