A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo albergou durante os últimos dous días a cuarta edición da Érték Conference, un ciclo de conferencias promovida por un grupo de estudantes que neste 2023 tivo como un dos grandes protagonistas ao RC Celta, que se sumou a este proxecto con motivo da celebración do seu Centenario.
Da man do club vigués, o evento, que xerou unha gran expectación, puxo o foco nesta edición no márketing deportivo a través dunha serie de conferencias e mesas de debate que concluíron esta mañá e nas que participaron unha quincena de profesionais, entre eles tanto responsables de diferentes departamentos do club e de GS360, como de axencias de publicidade e profesionais da comunicación.
Con preto de 125 rexistrados, tanto de alumnado da Facultade de Comunicación como persoas alleas á comunidade universitaria, a cuarta edición desta Érték Conference foi inaugurada polo presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, quen destacou que do mesmo xeito que a comunicación, tamén o fútbol sufriu nos últimos anos “unha tremenda transformación”. Puxo como exemplo deste profundo cambio as críticas que ao comezo da súa etapa á fronte do club vigués xeraba a idea “de que se se quería sacar ao RC Celta do problema económico que tiñamos, debíase xestionar ao club como a unha empresa”.
“Falar da industria do deporte ou de deporte empresa xa non espanta a ninguén”, sinalou Mouriño, quen puxo a aposta do club polo coidado e desenvolvemento da canteira como exemplo dun “traballo continuado e constante, do que agora estamos a recoller os seus froitos”.
Pola súa banda, a decana da Facultade, Emma Torres, destacou o traballo do equipo de estudantes impulsor desta iniciativa, “un exemplo do que debe ser a Universidade, que ten que ir moito máis alá das aulas”, Remarcou ademais a importancia da comunicación como unha “ferramenta fundamental” para que o deporte chegue á cidadanía “como unha actividade de benestar social”.
O director de Contidos e Comunicación do RC Celta, Marco Rocha, abriu as sesións de traballo cunha conferencia sobre a importancia da comunicación na sociedade actual enmarcada entre as oito, máis tres mesas redondas, que conformaron o programa desta Érték Sports Edition.
O club tamén estivo representado na primeira xornada nun debate sobre o papel de TikTok e Twitch no márketing deportivo, no que participou o membro do equipo de comunicación do RC Celta Berto Carballo e nunha mesa titulada ‘construír brand lovers no mundo deportivo’ que contou coa presenza do director comercial celeste Carlos Salvador Herrera.
Xa pola tarde, desenvolveuse unha mesa redonda sobre o futuro do deporte na que participaron o ex xogador e actual integrante do corpo técnico do RC Celta, Borja Oubiña e o futbolista do primeiro equipo e estudante da Uvigo Kevin Vázquez.
Esta primeira xornada pechouse cunha presentación do proxecto Galicia Sports 360, clave para o futuro do RC Celta, a cargo de Marián Mouriño, CEO da entidade.
Hoxe a representación celeste recaeu na directora corporativa do club, María José Herbón, quen desenvolveu un relatorio centrado na responsabilidade social corporativa e liderado.
A Érték Conference Sports Edition desenvolveuse cun gran éxito de asistencia e supuxo para o club unha espléndida oportunidade de compartir experiencias co alumnado da Universidade de Vigo e achegar á comunidade universitaria o Centenario da entidade.