Compromiso de bo goberno, sustentabilidade e enfoque social como ferramenta clave no crecemento do fútbol profesional. Valores de presente e futuro na liña de evolución nacional e internacional do RC Celta. Javier Tebas, presidente de LaLiga Santander, acompañado do noso presidente, Carlos Mouriño, visitou a Cidade Deportiva Afouteza para poñer de manifesto o liderado do RC Celta, dentro dos 20 equipos que conforman a elite do fútbol español, en materia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC).
Carlos Mouriño abriu o acto, que contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, expoñendo que “a responsabilidade Social é un antes e un despois nas empresas e no mundo do deporte. A responsabilidade social é clave no motor do fútbol”.
O presidente de LaLiga Santander, Javier Tebas, resaltou o caso de éxito do RC Celta asegurando que “dentro de LaLiga hai outras ligas igual de importantes. E aquí o RC Celta é campión. O club lidera en responsabilidade social, e iso é un éxito”. “Para poder liderar a Responsabilidade Social hai que crerllo e o traballo do RC Celta é un exemplo único” puntualizou.
David Baixauli, responsable RSC de LaLiga, expuxo o liderado celeste nesta materia: “O RCCelta é o único club de fútbol cunha certificación ambiental. Buscamos que o seu programa sexa transmitido ao resto de clubs. É líder indiscutible en sustentabilidade”.
.