Abonados que tramitaron seu carné fora de promoción deben retirar un suplemento a partir de Marzo
A oficina de abonados comezou a despachar as entradas para os partidos ante o FC Barcelona (domingo 5 de abril, 21h) e o Real Madrid (horario pendente de confirmación), dous dos choques máis atractivos da tempada en Balaídos. O club decidiu unificar os prezos para ambas xornadas. Desta maneira, os billetes para a bancada de Tribuna teñen un custo de 100€, mentres que para Gol e Marcador é de 65€ no caso da categoría ADULTO e de 50€ para os afeccionados SUB-25.
Estes dous encontros foron designados como ‘Día do Club’, polo que os abonados de tempada que tramitaron o seu carné despois do 17 de xullo e os anuais que o fixeron pasado o 6 de xaneiro deberán retirar un suplemento para acceder ao estadio. O prezo dos suplementos mantense respecto de anteriores campañas: 20€ para ADULTOS e 10€ para o resto de categorías, coa excepción dos menores de 8 anos que tan só deberán abonar 5€ para retirar o seu suplemento.
As entradas poden adquirirse na oficina de abonados de Balaídos de luns a venres en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas ou en calquera momento a través da plataforma online www.celtavigo.org/taquillaCelta