Os abonados que necesiten suplemento poden retiralo ata o xoves 23 de abril
O estadio de Balaídos presentará un excelente ambiente celtista no partido de Liga ante o Real Madrid (domingo 26 de abril, 21h) correspondente á xornada 33. A menos de dúas semanas para a celebración deste atractivo choque as bancadas de Marcador e Tribuna están a piques de colgar o cartel de “esgotado”, mentres que a de Gol aínda dispón dunhas 400 localidades dispoñibles.
Os prezos dos billetes para este encontro son idénticos aos establecidos ante o FC Barcelona: 100€ en Tribuna e 65€ en Gol e Marcador, custo que nestas dúas últimas bancadas redúcese a 50€ para os afeccionados SUB-25. Esta xornada ligueira foi designada como ‘Día do Club’, polo que os abonados de tempada que tramitaron o seu carné despois do 17 de xullo e os anuais que o fixeron pasado o 6 de xaneiro deberán retirar un suplemento para acceder ao estadio.
O prezo dos suplementos, que poden retirarse até o xoves 23 de abril, mantense respecto de anteriores campañas: 20€ para ADULTOS e 10€ para o resto de categorías, coa excepción dos menores de 8 anos que tan só deberán abonar 5€ para retirar o seu suplemento.
As entradas poden adquirirse na oficina de abonados de Balaídos de luns a venres en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas ou en calquera momento a través da plataforma online www.celtavigo.org/taquillaCelta