O RC Celta presenta este venres pola tarde na tenda de A Sede o segundo equipamento que lucirá durante a tempada 2019/2020. Os afeccionados celestes serán os protagonistas do acto e, ademais, poderán levar unha camiseta oficial á súa casa. Para iso deberán participar nun divertido concurso, unha proba de resistencia que consistirá en bicar o escudo do club durante 90 minutos, o mesmo que dura un partido de fútbol. Só os que logren aguantar até o final desta peculiar competición conseguirán unha das novas camisetas que eles mesmos descubrirán instantes despois e vestirán por primeira vez.
As prazas para o concurso, que son limitadas, asignaranse por estrita orde de chegada e a inscrición para o mesmo realizarase o venres a partir das 16:00 horas xunto á mesa de atención ao público da tenda de A Sede. A competición comezará ás 17:00 horas e os vencedores serán os encargados de mostrar a todo o celtismo a nova camiseta.
Ademais, durante toda a tarde haberá pintacaras, animación e música da man de DJ Fonkid para amenizar o concurso e a presentación. Todos os participantes obterán como obsequio unha camiseta conmemorativa.
Nota: os afeccionados que desexen participar no concurso deberán ser maiores de 14 anos e presentar o DNI no momento da inscrición.