Os afeccionados poderán visitar A Sede o domingo 18, luns 19 e martes 20 de marzo. Serán tres xornadas de portas abertas para que o celtismo e os cidadáns poidan coñecer a fondo as instalacións, xa que poderán realizar un percorrido completo por cada unha das plantas do edificio.
O horario destas xornadas especiais para o celtismo e os cidadáns será moi amplo para que todos os que o desexen teñan a oportunidade de coñecer A Sede. As visitas poderán realizarse domingo, luns e martes en horario ininterrompido de 09:00 a 21:00 horas.
Actos de celebración
O RC Celta preparou para este sábado 17 de marzo unha espectacular xornada festiva chea de celtismo, música e animación para celebrar a apertura da nova sede céltica na Rúa do Príncipe. As rúas de Vigo encheranse de espectáculo desde o mediodía, ás 18:00 haberá unha concentración celtista fronte ao museo do MARCO e ás 19:00 chegará o prato forte, un evento presentado polo actor galego Javier Veiga que contará coa presenza dos xogadores do primeiro equipo e da canteira e que contará coas actuacións dos artistas Roi Méndez e Cepeda de OT, a viguesa Wöyza, o gaiteiro galego Budiño, o mítico Miguel Costas e, como peche, a música de DJ Lagartija.