O Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación oficial. Estarán á venda a partir do 1 de xullo
O Celta presentou esta tarde no Auditorio Mar de Vigo a primeira e segundo equipación Adidas para a tempada 2015/2016. Os novos deseños foron recibidos con entusiasmo polos afeccionados asistentes que non deixaron pasar a oportunidade de coñecer de primeira man a roupa céltica, estreada polos canteiráns celestes Rubén Blanco, Goldar e Kevin.
O acto, presentado polo xornalista Pepe Cadavedo, contou coa divertida actuación do humorista galego Moncho Borrajo e cun emocionante vídeo no que se repasaron algúns dos grandes momentos da tempada pasada. O espectáculo pechouse coas grandes protagonistas do acto, as novas equipacións oficiais fabricadas por Adidas.
A primeira vestimenta, cuxa camiseta foi desvelada na despedida de Borja Oubiña en Balaídos, combina as cores tradicionais do club, celeste e branco, nunha peza de corte clásico que homenaxea o equipamento Adidas que o Celta vestiu entre as tempadas 1982/1983 e 1985/1986. Un cariñoso xesto do club cara á historia céltica para comezar a celebrar as 50 campañas do Real Club Celta en Primeira División.
A segunda equipación tamén presenta un deseño cargado de estilo, aínda que cunha combinación de cores moito máis moderna. Tanto na parte superior como a inferior xógase cunha base gris escura e detalles en vermello vivo. Ambas equipacións manteñen aos patrocinadores Citröen e Estrella Galicia, así como o xa tradicional trisquel na traseira das camisetas.
As pezas fabricadas por Adidas, sponsor técnico oficial do Celta, contan cunha tecnoloxía téxtil avanzada, o sistema Climacool, que facilita a expulsión de calor e suor do corpo grazas á súa composición de fibras e á combinación de diferentes tipos de malla, situados estratexicamente para permitir que o aire circule a través do tecido.
As dúas novas camisetas estarán á venda na tenda oficial e en www.tiendacelta.com a partir do 1 de xullo.