O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, presentou esta tarde o proxecto Galicia Sports 360 aos integrantes da Corporación de Mos e das Comunidades de Montes e Augas de Pereiras, que recibiron co máximo interese e satisfacción os detalles desta iniciativa ideada para transformar por completo a industria do deporte galego e converterse en referente internacional.
Nun encontro desenvolvido na Cidade Deportiva Afouteza, Carlos Mouriño expuxo os pormenores do proxecto e explicou o enorme impacto que terá na industria do deporte da comunidade galega coas propostas de innovación, formación, turismo deportivo, restauración, investigación, lecer, medicina deportiva, multideporte… integradas nesta imponente iniciativa liderada polo RC Celta.
Galicia Sports 360 supoñerá un investimento duns 70 millóns de euros e a creación de máis de 200 postos de traballo e posibilitará tamén unha estreita colaboración coa totalidade das federacións deportivas, que terán acceso ás instalacións para, entre outras actividades, realizar probas específicas de deportistas de alto rendemento.
O presidente celeste recalcou que o RC Celta non será só un equipo de fútbol, aínda que sexa o seu eixe principal, senón que poñerá en marcha un proxecto dunha importancia extraordinaria para a formación de clubs, atletas ou federacións.