O RC Celta realizou nas últimas semanas unha macro enquisa aos seus abonados para coñecer de primeira man a súa opinión sobre, entre outros aspectos, a relación da entidade coa súa masa social. Nesta enquisa participaron máis de 2.000 abonados, aos que o RC Celta quere expresarlles a súa gratitude por colaborar nunha iniciativa encamiñada a coñecer as súas inquietudes e preferencias para poder mellorar a xestión.
O 76 por cento dos abonados valora de xeito positivo a información que reciben do RC Celta e o 70 por cento prefire ser atendido de xeito digital ou telefónico, mentres que seis de cada dez desexarían recibir información sobre o club con periodicidade semanal.
En canto ao prezo do abono, máis da metade, un 55 por cento, están de acordo co prezo do carnet e un 80 por cento acepta que o club venda a súa localidade no caso de que non poida acudir a un partido.
O 65 por cento dos encuestados non está satisfeito coa atención ao abonado e un 52 por cento reclama maior rapidez nas respostas da oficina de abonados e do servizo Escoitamos.
O club está analizando en detalle toda a información recibida e traballando xa en mellorar naqueles aspectos que os abonados consideran negativos. Algunhas melloras xa se viñeron materializando durante as últimas semanas, entre elas novos procedementos para invitacións de abonados históricos, entradas para desprazamentos ou a creación dunha nova sección na web con información útil para os abonados.
Durante estes días, o club realizará un sorteo entre todos os encuestados para invitalos a participar nunha serie de reunións presenciais co obxectivo de debater sobre todas estas melloras.