A comunidade dixital celeste continúa crecendo e fortalecéndose día tras día. A canle oficial do RC Celta en YouTube, sitio web dedicado a compartir contidos de vídeo, alcanzou esta semana a cifra de 40.000 subscritores.
As redes sociais do club vigués sufriron un novo impulso nos últimos meses coa presentación de novos contidos, como os “Inside RC Celta”, sección na que o equipo e a entidade abren as súas portas para ensinar o nunca visto; ou espectaculares gravacións a vista de dron, entre outros.
O RC Celta xa supera os 1,7 millóns de seguidores nos seus perfís de redes sociais, a través dos cales se comunica coa súa comunidade internacional de afeccionados e grazas aos que non só reciben a actualidade do club, senón tamén numerosos contidos de entretemento.
A canle do RC Celta en YouTube traspasa fronteiras, reflexo do proceso de internacionalización que durante as últimas tempadas experimentou a comunidade dixital céltica, con subscritores en países como Perú, México, Estados Unidos, Rusia, Arxentina, Francia ou Brasil, entre outros.
O club continúa traballando para potenciar a súa comunicación e a xeración de contidos a través das plataformas dixitais, unha vía única e apaixonante para conectar á entidade e os seus equipos coa paixón dos afeccionados.