A pandemia privou a un xogador do RC Celta, exemplar en todas as facetas, de recibir o agarimo da afección celeste trala súa despedida. Este sábado, nos prolegómenos do partido ante o FC Barcelona, o celtismo terá a oportunidade de mostrarlle a ‘un dos nosos’ o respecto e a admiración que a súa figura xera tras moitos anos de encomiable entrega e absoluta dedicación. Sergio Álvarez, o gato de Catoria, realizará o saque de honra e os afeccionados poden brindarlle unha última ovación sobre o terreo de xogo, onde tantas veces fixo felices aos seguidores celestes.
Sergio retirouse a finais da pasada tempada por mor dunha lesión e o club organizou en Abanca Balaídos un emotivo acto de despedida no que participaron plantel e corpo técnico, directivos, ex compañeiros, familiares…. Faltaba o máis importante.
O sábado o gato volverá ao céspede coa afección nas gradas para vivir este esperado reencontro nunha xornada realmente especial para o celtismo.