O RC Celta tivo un notable protagonismo en distintas categorías da Selección Española durante o último parón FIFA de seleccións. Até catro canteiráns celestes foron convocados e gozaron de minutos con “La Roja”: Brais Méndez coa Absoluta, Sergio Carreira coa Sub-21, Miguel Rodríguez coa Sub-19 e César Fernández coa Sub-18.
Un novo referendo ao labor que club e Fundación Celta levan realizando desde fai máis dunha década no ámbito do fútbol de canteira e que levaron ao RC Celta a converterse nun referente mundial pola súa metodoloxía de fútbol base.
Brais Méndez (Absoluta)
O centrocampista celeste debutou oficialmente coa Selección Española ante Suecia, partido no que a pesar da derrota e a só disputar o dez minutos finais, o galego deixou bos detalles.
Brais gozou de novo de minutos, vinte, na vitoria española 4-0 ante Xeorxia e permaneceu no banco no último encontro ante Kósovo. Para conmemorar o seu debut co combinado nacional, o de Mos recibiu unha insignia de mans do presidente da RFEF.
Sergio Carreira (Sub-21)
O canteirán céltico, cedido esta tempada no Mirandés, debutou coa Sub-21 acumulando dúas titularidades consecutivas. O vigués partiu de inicio nas vitorias ante Rusia e Lituania, acumulando 80 minutos de xogo en cada un dos choques.
Miguel Rodríguez (Sub-19)
Sobresaliente rendemento do dianteiro galego coa Sub-19. O atacante celeste participou nun dobre enfrontamento da selección nacional ante México, dous partidos que se saldaron con vitoria española e nos que Miguel gozou de minutos e goles.
No primeiro dos encontros, o canteirán xogou 35 minutos e marcou o quinto tanto do triunfo de España (5-1), mentres que no segundo partido participou os 90 minutos e foi o encargado de abrir o marcador, que terminaría con 3-2 a favor do conxunto nacional. Ademais, Miguel portou o brazalete de capitán no segundo encontro.
César Fernández (Sub-18)
O porteiro celeste foi incluído na lista da Sub-18 para a disputa do Lafarge Foot Avenir, torneo que finalizou coa Selección Española alzando o trofeo de campión. César tivo a oportunidade de xogar no primeiro partido da competición, ante Portugal, duelo no que o céltico logrou manter a portaría a cero (2-0).