Chegou o día. O gato de Catoira, Sergio Álvarez, anunciou esta tarde a súa retirada do fútbol nun emotivo acto no que estivo arroupado por xogadores, amigos, familiares, dirixentes, arroupado polo fútbol, ao que tantas cousas deu, pola familia celeste, á que sempre pertencerá.
Sergio deixa unha pegada imborrable polos seus despexes e as súas paradas, tantos deles milagrosos, pero sobre todo pola súa profesionalidade, a súa entrega, a súa bonhomía, o seu afán de superación, polo seu celtismo. Sergio colga as luvas no corazón da afección, onde permanecerán para sempre.
Foi un acto de despedida emotivo e intenso sobre o céspede de Abanca Balaídos. Xunto ao gato, o presidente Carlos Mouriño, o consello de administración, directivos do club, a totalidade do plantel e os corpos técnico e médico, a súa familia e amigos, excompañeiros, peñas… Todos eles quixeron estar.
Falaron, con profunda emoción, Sergio e o presidente, quen lle entregou unha placa conmemorativa deste día que marca o final dunha etapa e o principio doutra. En ambas hai un elemento en común: o RC Celta. Sergio vaise para quedar porque é, hoxe e sempre “un dos nosos”.