O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, compareceu este xoves ante os medios de comunicación para abordar toda a actualidade institucional e deportiva do club. Ao comezo da súa intervención, o presidente celeste recoñeceu que a tempada 19/20 foi “malísima” e asegurou estar a traballar xa para mellorar. “Imos procurar refacer ao máximo os fallos da tempada anterior. A partir de aí, traballar como facemos sempre, mirando ao futuro, esquecendo o pasado, só lembrándoo”, comentou.
Respecto da actualidade deportiva, Carlos Mouriño destacou a clasificación para a Youth League do Xuvenil A celeste, avanzou que o filial “será un equipo competitivo” e debullou algunhas das posicións a reforzar.
Sobre o primeiro equipo, o presidente do RC Celta recoñeceu que o club busca un “oito”, un “nove”, un lateral e un extremo. “Se podemos, porque este ano todos os equipos estamos moi excedidos respecto do que nos van a permitir”, apuntou
Carlos Mouriño tamén abordou a actualidade financeira do club nunha época complicada debido á crise sanitaria do COVID-19 e destacou un beneficio de 10 millóns a pasada campaña. Ademais, o presidente do club debullou as actividades da Fundación do RC Celta durante os últimos meses en favor da sociedade, tales como a entrega de batas solidarias aos nenos hospitalizados, a doazón de máis de 350.000 unidades de material sanitario, a apertura da residencia da Sede para sanitarios durante a pandemia, as doazóns de alimentos e as chamadas telefónicas de xogadores aos abonados máis veteranos.
Sobre o proxecto da cidade deportiva situada en Mos, Carlos Mouriño recoñeceu traballar para “competir co resto de equipos”. “O soño faise realidade e cada vez estamos moitísimo máis preto de gozalo”, asegurou o presidente celeste.
Achega do estadio ABANCA Balaídos, Carlos Mouriño criticou a tardanza de máis de cinco anos en recibir o plan director do estadio. “¿Cal era o motivo de querer ocultalo? No plan director, Marcador custaba 9,5 millóns e a día de hoxe decatámonos pola prensa que a licitación desa mesma bancada sae por 16,6, sete millóns máis do que estaba no plan director. ¿En que mellorou para ese aumento?”, preguntouse. Ademais, asegurou que a renovación do estadio é “unha chapuza”. “Non podo dicir menos. No plan director figuraba que o estadio ía unido e podíase circular por el, non é así. Non é digno desta cidade, dos afeccionados do Celta”, apostilou.
Ademais, Carlos Mouriño destacou que todas as accións están enfocadas obter o mellor para o club. “Estamos co Celta e exclusivamente co Celta. Sempre faremos o mellor para o Celta. Esa é nosa gran loita, a nosa loita é o Real Club Celta”.
O presidente do RC Celta denunciou non poder publicar a campaña de abonados ao ter que recolocar a máis de 6.000 abonados e descoñecer os prazos das obras no estadio. Por todo iso, Carlos Mouriño recoñeceu que o pasado mes de xullo o RC Celta presentou unha denuncia de incumprimento do convenio de obra ante o Concello baseada no retraso mento das datas ao ter que estar terminadas no 2017.