O RC Celta traballa desde fai xa varios anos e de xeito intenso na erradicación da reventa de entradas ou invitacións para os partidos no estadio de Abanca Balaídos polo prexuízo que lles causa a abonados e afeccionados. Trátase dunha actividade ilícita que de cara ao encontro do domingo ante o Sevilla xerou un lóxico malestar entre a masa social celeste dada a gran demanda existente das invitacións para os abonados.
O club aplicaralle as medidas recollidas no réxime interno aos abonados que xa identificou e que nas últimas horas trataron de obter réditos dunhas invitacións destinadas en exclusiva a que os abonados poidan acudir ao partido con dous acompañantes e deste xeito multiplicar o apoio ao equipo. O RC Celta non tolerará baixo ningún concepto este tipo de prácticas, tanto reventa como lucrarse co carnet, que prexudican aos abonados do club.