Emre Mor, novo xogador do RC Celta, concentrarase desde este mércores coa Selección de Turquía. Tras asinar onte o seu contrato co club vigués na sede social de Praza España, o atacante puxo rumbo cara a Turquía para concentrarse coa selección otomá.
O combinado nacional turco afronta nos próximos días dous importantes partidos de clasificación ao Mundial 2018, o primeiro o 2 de setembro ante Ucraína (Járkov – Ucraína, 20:45 CEST) e o segundo o 5 de setembro ante Croacia (Eskişehir – Turquía, 20:45 CEST). Con Mor, a nómina de célticos internacionais nesta ‘Data FIFA’ amplíase a 7 xogadores: Aspas (España), Radoja (Serbia), Tucu (Chile), Lobotka (Eslovaquia), Sisto (Dinamarca) e Iván Villar (España Sub-21).
O futbolista celeste será presentado oficialmente no estadio de Balaídos unha vez complete os seus compromisos internacionais.