Hjulsager xa exerce de celeste. O novo xogador do RC Celta presentouse este martes ante medios e afección no estadio de Balaídos. O vicepresidente do club, Ricardo Barros, e o director deportivo, Felipe Miñambres, acompañaron ao futbolista na súa rolda de prensa de presentación e déronlle a benvida.
“Vin moitos partidos do Celta e gústame o seu fútbol ofensivo. Creo que polas miñas características voume a adaptar ben”, sinalou Hjulsager nas súas primeiras palabras como céltico. O danés desvelou que durante a negociación falou moito con Wass, quen “só puido dicir cousas boas sobre o club”, e ofreceuse para xogar en calquera posición que Berizzo considere: “Desenvólvome pola dereita, o centro ou a esquerda e estou preparado. Motiva que ao Celta estea a irlle tan ben e estou a desexar unirme ao equipo”, asegurou Hjuslager.
A pesar da choiva, o mozo danés saíu ao campo para saudar ás decenas de afeccionados que acudiron ao estadio para darlle a benvida, fotografarse con eles e regalarlles varios balóns autografiados. Hjulsager, que levará o dorsal 17, será xogador do RC Celta até 2020.