Un partido que comezou igualado, de ti a ti entre Celta e Málaga, terminou sendo un espectáculo de cor celeste no que Iago Aspas, imparable foi protagonista no tres goles vigueses. O canteirán inaugurou o marcador ao comezo do encontro, Wass marcou o segundo e Fontàs pechou o marcador co 3-0.
Balaídos gozou ante o Málaga dun Iago Aspas inconmensurable. O de Moaña volveu tola á defensa rival e asinou un auténtico golazo ao pouco de arrincar o partido: pase ao espazo, carreira do canteirán e soberbia resolución ante Kameni, ao que deixou sentado para marcar a porta baleira.
O choque volveuse imprevisible por momentos, sen que ningún dos equipos asumise o control do xogo. No último tramo da primeira parte os de Berizzo tomaron o pulso ao partido e terminaron apertando en campo contrario. Tras a continuación o Málaga ofreceu síntomas de recuperación e, no seu mellor momento, chegou o segundo tanto celeste. Unha xenial recuperación de Aspas na frontal da área malagueña finalizou en centro de Bongonda e remate de primeiras de Daniel Wass. Corría o minuto 59.
Xa co Celta dominando chegou o 3-0. Aspas executou unha falta desde a lateral da área do Málaga, unha xogada ensaiada que non saíu perfecta pero que terminou igualmente co resultado desexado. Cabral fallou no remate e Fontàs apareceu para enviar o esférico ao fondo da rede. Cando o partido chegaba ao seu fin, Wass marcou en propia porta.
FICHA TÉCNICA
3-CELTA: Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja (Sergi Gómez, min.85), Wass, Iago Aspas, Bongonda (Sisto, min.69), Guidetti (Pape, min.63).
1-MÁLAGA: Kameni, Rosales, M. Torres (Llorente, min.11), Mikel, Juankar, Camacho, Recio, P. Fornals (Juanpi, min.56), Chory Castro (Jony, min.80), Santos, Sandro.
Goles: Iago Aspas, min.7, 1-0; Wass, min.59, 2-0; Fontàs, min.82, 3-0; Wass (p.p.), 3-1, min.86.
Árbitro: González González, do comité castelán-leonés. Amonestou a Fornels, Recio y Camacho (Málaga); Sergi Gómez (Celta).
Campo: Balaídos (17.890 espectadores).