A escola do RC Celta en Campeche arrincou a súa quinta tempada nun multitudinario evento que reuniu a futbolistas, familiares e técnicos. Máis de 700 persoas déronse cita nas instalacións do Campeche Country Club para inaugurar un intenso ano cargado de novidades.
Tras culminar unha tempada histórica o pasado verán con marca de títulos e participantes, a primeira escola internacional do Celta arrinca con forza, ascendendo a categorías máis esixentes e ampliando considerablemente a súa área xeográfica.
Durante o acto de presentación déronse a coñecer os novos equipos que competirán nas ligas rexionais, así como a novidade do equipo xuvenil que competirá en todo o sueste mexicano e a creación dos dous primeiros equipos femininos.
A escola de Campeche, pioneira no proceso de internacionalización do RC Celta, continúa crecendo tempada tras tempada e é xa un referente para a entidade celeste e a súa fundación.