Achégase a data marcada en vermello no calendario de todo celtista e afeccionado galego. O derbi galego, “O Noso Derbi”, volve a Balaídos este domingo ás 12:00 do mediodía e, unha tempada máis, os minutos previos ao comezo do encontro estarán cargados de emotividade e simbolismo.
Coincidindo coa saída dos equipos ao terreo de xogo, a cantante galega Andrea Pousa interpretará o Himno de Galicia en directo sobre un arranxo sinfónico gravado pola Macedonian Symphonic Orchestra e músicos galegos. Nas bancadas haberá 30.000 bandeiras celestes co escudo do RC Celta, patrocinadas pola empresa galega Copasa, coas que os afeccionados poderán sumarse a este momento tan especial ondeándoas e enchendo o estadio de cor.
O RC Celta anima a todos os abonados e afeccionados a acudir a Balaídos con suficiente antelación para ser partícipes dos actos previos e apoiar ao equipo céltico desde antes do comezo do choque. Os despachos de billetes do estadio abrirán este sábado de 10 a 14 horas para continuar despachando entradas e suplementos, estes últimos necesarios para aqueles abonados que xestionaron o seu carné despois do 8 de xullo.