A UEFA Europa League volve a Balaídos o vindeiro xoves 20 ás 19:00 horas, e con ela regresa o Ajax, un histórico ao que o Real Club Celta enfrontouse en dúas ocasións. O equipo holandés perfílase como un dos rivais destacados desta primeira fase, chegando como líder do grupo a este encontro.
13 anos para o reencontro
Foi na fase de grupos da UEFA Champions League 2003/04 cando o equipo holandés e o Celta víronse as caras por primeira vez. Dous partidos intensos e cheos de alternativas, cun equipo dirixido por Miguel Ángel Lotina e que contaba entre as súas filas con xogadores como Alexander Mostovoi, Milosevic, Catanha, Borja Oubiña ou o actual adestrador, Eduardo Berizzo, que escribían a historia do club vigués na súa primeira aparición na Champions League.
Visita ao Amsterdam Arena
O primeiro dos enfrontamentos xogouse na terceira xornada da fase de grupos á que o Celta chegaba con 2 puntos tras empatar ante o Club Brugge (1-1) e a AC Milan (0-0). O equipo holandés, dirixido por Ronald Koeman, atopouse cun Celta que buscou con insistencia a súa primeira vitoria na competición. Pese ao bo xogo do equipo celeste, un gran gol dun mozo Zlatan Ibrahimovich tras unha acción individual puxo o 1-0 final para os locais.
Balaídos tómase o desquite
A cuarta xornada volvía enfrontar aos dous equipos en Balaídos, converténdose no escenario perfecto para buscar a primeira vitoria. Un partido apaixonante e que sería clave nesta fase de grupos. O partido púxose de face tras unha xogada de Milosevic na que o árbitro sinalou penalti e Luccin encargouse de transformar desde os 11 metros. O segundo gol chegaría antes do descanso, tras unha combinación espectacular de Sylvinho e Juanfran por banda esquerda, onde Milosevic volveu aparecer cun cabezazo á rede que puña o 2-0 no marcador.
Nunha vibrante segunda parte, o Ajax tentou a remontada. Sonck fixo o 2-1 tras varias ocasións do equipo holandés pero esa primeira vitoria non se podía escapar de Balaídos. Vagner recolleu un balón dentro da área e puxo o 3-1 que daba tranquilidade ao Celta. Van der Vaart volveu recortar distancias para deixar no marcador un 3-2 final que daba ao Celta a súa merecida primeira vitoria na Champions League.
O desenlace desta fase de grupos está na memoria de todos os celtistas. Unha última xornada épica na que Celta e Ajax chegaban empatados a puntos na loita pola segunda praza do grupo. San Siro ditou sentenza cos históricos goles de Jesuli e José Ignacio que clasificaron ao Celta para os oitavos de final da Champions League.
Volverase a repetir a historia nesta UEFA Europa League?