Balaídos respirou tras un partido de infarto. O Celta reencontrouse cun triunfo que lle foi esquivo até agora neste arranque ligueiro e, a pesar de ser o absoluto dominador do choque, non estivo exento de sufrimento. Hugo Mallo adiantou aos celestes, pouco despois o Sporting logrou o empate desde o punto de penalti e da mesma forma, cunha pena máxima, Iago Aspas brindou a ansiada vitoria á inchada celtista no día que cumpría douscentos partidos vestindo a camiseta celeste.
O Celta dominou por completo un primeiro tempo no que esbozou boas ideas pero sen chegar a atopar o camiño ao gol. Os celestes eran donos e señores do esférico mentres o Sporting asistía ao encontro como espectador. Aínda así, os asturianos gozaron dun par de achegamentos que non souberon aproveitar. Cabral, Tucu ou Bongonda tentaron marcar sen éxito.
Tras o descanso a superioridade viguesa foi a máis. Os de Berizzo iniciaron un asedio constante á área rival que se intensificou aínda máis cando o mozo Pione Sisto comezou a atoparse cómodo e facer das súas. Das súas botas chegou o tanto céltico. O danés deixou proba da súa calidade nunha xogada que rematou a gol o capitán Hugo Mallo.
O Celta seguiu buscando o gol con insistencia e fixo méritos para logralos, pero unha xornada máis a sorte púxose en contra dos celestes. A dez minutos para o asubío final Cop caeu na área galega e o colexiado non dubidou en sinalar un penalti que suporía o empate. Non decaeu o espírito en Balaídos. Canto menos tempo quedaba, máis se envorcaba o Celta no ataque… e a ocasión chegou. Radoja caeu na área no minuto 85 e o árbitro indicou a pena máxima. Iago Aspas, no día que cumpría douscentos partidos co Celta, anotou o gol da vitoria, un triunfo merecido e con sabor a máis de tres puntos.
FICHA TÉCNICA
2-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Cabral, Roncaglia, Radoja, Wass (Rossi, 80’), Pablo Hernández, Bongonda, Sisto (Marcelo Díaz, 74’), Iago Aspas (Jonny, 89’).
1-SPORTING: Cuéllar, Lora, Babin, Amorebieta, Lillo (Carlos Castro, 75’), Víctor Rodríguez, Sergio Álvarez, Xavi Torres, Afif (Isma López, 58’), Viguera (Burgui, 75’), Cop.
Goles: Hugo Mallo, 66’, (1-0); Cop, 80’, (1-1); Iago Aspas, 86’ (2-1).
Árbitro: Munuera Fernández, do comité andaluz. Amonestou a Amorebieta e Nacho Cases (Sporting); Radoja e Roncaglia (Celta).
Campo: Balaídos (15.157 espectadores).