Unha das posicións que o club marcara como prioritaria para reforzar o plantel da tempada 2016/2017 está a piques de ser cuberta. A falta da revisión médica e da firma do acordo definitivo, o experimentado e versátil central Facundo Roncaglia, internacional absoluto con Arxentina e con protagonismo na recente Copa América, será a terceira fichaxe do ilusionante RC Celta do retorno a Europa.
Roncaglia (Chajarí, Entre Ríos, Arxentina, 10 de febreiro de 1987), chegará a Vigo nos próximos días para pasar o recoñecemento médico e, en caso de resultado satisfactorio, asinar un contrato de 4 anos de duración coa entidade celeste. Desta maneira, o RC Celta incorporaría a un central de recoñecido prestixio internacional cunha ampla traxectoria na Serie A italiana, unha ducia de partidos disputados coa selección absoluta Arxentina e ademais experiencia na liga española e a Europa League.
O defensor, formado nas categorías inferiores de Boca Juniors, xogou unha tempada no Espanyol cedido polo conxunto arxentino. Tras un par de campañas no seu país de orixe, en 2012 foi traspasado á Fiorentina para iniciar unha exitosa traxectoria na Serie A italiana, neste club e no Genoa. Disputou ademais un total de 13 encontros da Europa League coa Fiorentina.